Quen somos?

OS PACTOS TERRITORIAIS DE EMPREGO

Dado o momento de desaceleración económica no que estamos a vivir, unha das maiores preocupacións da sociedade é o desemprego en tódalas súas vertentes; non só porque implica unha minoración de recursos económicos, se non tamén no aspecto social e psicolóxico, posto que o traballo é considerado como elemento de autorrealización e de vertebración social.

O emprego é moito máis que a fonte de ingresos, é a orixe da autovaloración. Sen traballo as persoas séntense improdutivas e inútiles.

Esta problemática é recollida dende as distintas administracións, e para solucionala estanse  a deseñar políticas activas de emprego.

Este proceso segue a liña mostrada na normativa comunitaria de descentralización destas políticas e de participación das institucións locais e dos axentes socioeconómicos, tal e como se define na Estratexia Europea de Ocupación (EEO).

Esta participación ten a súa plasmación a nivel autonómico no Diálogo Social de Galicia, que no terceiro dos nove acordos que o integran: “O acordo sobre o novo servizo público de Galicia”, establece a necesidade de implicar a tódalas organizacións nun ámbito territorial para proporcionaren os seus coñecementos e experiencia, e que esta implicación se debe realizar mediante a posta en marcha dos pactos territoriais de emprego.

Estes pactos créanse e regúlanse polo decreto 98/2008, como órganos de participación institucional e de concertación entre os seus integrantes, para a xestión coordinada do conxunto de recursos públicos que se destinan ó emprego no ámbito territorial do pacto. Dos cales formarán parte: A Xunta de Galicia, as organizacións empresariais, as organizacións sindicais e concellos da zona que se adhiran voluntariamente.

A  súa composición vese materializada por:

-Unha Asemblea Xeral, que ten como funcións: aprobar as liñas estratéxicas, os programas e as accións que se deriven do pacto e fomentar os principios de diálogo, colaboración, consenso, compromiso e unidade durante a súa vixencia.

-Un Comité de Dirección, ó que lle corresponde executar os acordos da Asemblea Xeral, a xestión diaria do Pacto e establecer os plans de traballo necesarios para a súa consecución.

-Unha Comisión Técnica, que ten como tarefa a elaboración da documentación técnica específica do pacto territorial, así como o desenvolvemento das diversas tarefas que lle sexan encomendadas en relación cos diferentes plans de traballo establecidos polo comité de dirección.

No citado decreto establecese a constitución de 15 plans territoriais de emprego, comezando con 4 pactos piloto: Costa da Morte, Lugo, Valdeorras e o Salnés. Con posterioridade creáronse os de: Barbanza-Noia, Ferrol, Mariña, Lemos, Ourense, Limia-Verín e Deza-Tabeiróns; quedando pendentes os de Santiago, A Coruña, Vigo e Pontevedra.

O Pacto Territorial Limia-Verín, foi promovido e apoiado  pola “Asociación impulsora do pacto territorial da Limia-Verín”, constituída en Verín como unha asociación voluntaria e sen ánimo de lucro e que crea unha Unidade de Promoción e Desenvolvemento (UPD) para o impulso das súas funcións.

As UPD’S  son módulos de intervención en ámbitos territoriais supramunicipais que traballan na posta en valor de potencialidades de desenvolvemento e emprego do seu territorio.

Constitúen un instrumento básico e fundamental na dinamización e detección de novas expectativas de emprego e iniciativas emprendedoras no ámbito local, especialmente nas relacionadas  cos novos filóns de emprego.

Nesta UPD se ve materializada a Comisión Técnica do Pacto, e está integrada por un director, un técnico de prospección e análise do mercado de traballo, un técnico de orientación e mellora de empregabilidade, un técnico en emprendemento e promoción de emprego, e un administrativo.

Na orde do 3 de xuño de 2008, pola que se constitúe o Pacto Territorial Limia-Verín, establécense os Concellos que abranguerá: Baltar, Bande, Os Blancos, Castrelo do Val, Cualedro, Entrimo, Xinzo de Limia, A Gudiña, Laza, Lobeira, Lobios, A Mezquita, Monterrei, Muíños, Oímbra, Porqueira, Rairiz de Veiga, Riós, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras, Verín, Vilar de Santos e Vilardevós.

Con posterioridade, o Concello de Calvos de Randín, que pertencía ó Pacto Territorial de Ourense, inclúese no da Limia-Verín, segundo se establece na Orde do 3 de abril de 2009.